A Asociación Galega do Sector da Dependencia (AGASEDE) asistiu á xornada de presentación das conclusións do X Congreso Internacional Dependencia e Calidade de Vida, unha iniciativa organizada pola Fundación Edad & Vida no marco do programa “Do coñecemento ás persoas”.
Durante o encontro déronse a coñecer as principais conclusións extraídas do Congreso e abordáronse cuestións clave para o presente e o futuro do sistema de coidados. Entre os temas tratados destacou a evolución da coordinación sociosanitaria en Galicia e a necesidade de seguir fortalecendo a integración entre os ámbitos social e sanitario para dar resposta aos retos que supón o progresivo envellecemento da poboación.
Así mesmo, a xornada permitiu reflexionar sobre os desafíos e as oportunidades do sistema de coidados en Galicia, o papel da innovación na intervención social e a importancia de avanzar cara a un modelo de atención centrado na persoa, que garanta unha atención de calidade, personalizada e adaptada ás necesidades de cada usuario.
Desde AGASEDE valoramos moi positivamente este tipo de encontros, que favorecen o intercambio de coñecemento e experiencias entre os distintos axentes do sector, contribuíndo a impulsar un modelo de coidados máis coordinado, innovador e humano.
Agradecemos á Fundación Edad & Vida a organización desta xornada e as achegas realizadas por todos os profesionais e entidades participantes, que continúan enriquecendo o debate sobre o presente e o futuro da atención ás persoas en situación de dependencia.
